A pasarela do Marineda pasa a proba de carga

2 minutes read

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, co delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, supervisou este luns a proba de carga na pasarela do Marineda, cuxa singularidade a converterá nun emblema da cidade e nun arco de entrada á Coruña desde Arteixo e Carballo.

Vázquez Mourelle explicou que o grao de execución dos traballos acada o 97%, polo que se está ultimando esta actuación integral que suporá un salto cualitativo no reforzo da seguridade viaria, tanto para os traballadores do polígono como para os usuarios dos centros comerciais.

Subliñou que este proxecto favorecerá o tránsito peonil e en bicicleta, unha mobilidade máis saudable e sostible, e contribuirá á potenciación do transporte público, con esa parada de bus que hai ao lado do remate da senda.

A conselleira fixo fincapé na complexidade da intervención, ao ser preciso transportar e colocar unha pasarela de 200 metros, en curva, sen puntos de apoio centrais. Isto requiriu unha instalación por fases e en horario nocturno para minimizar as afeccións ao tráfico e máis de 30 operarios traballaron na súa instalación.

Declaracións da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez.

Este luns levouse a cabo a proba de carga para testar o comportamento e a resistencia da pasarela, empregándose 50 sacos de máis de 1.000 kg. Realizándose en tres fases diferenciadas: primeiro, con carga sobre os laterais de formigón; logo con distinta carga sobre o vano central; e, finalmente sobre o vano central pero cara á parte exterior.

Esta proba estática, que durou 9 horas aproximadamente, permite facer as medicións correspondentes e testar a seguridade da estrutura. Dada a particularidade da pasarela, farase ademais unha proba de carga dinámica, para avaliar a súa resposta ante cargas en movemento.

Tras esta proba procederase á colocación da varanda e á finalización do pavimento e acometeranse os traballos de axardinamento e colocarase a iluminación, que tamén será singular, con tiras leds e proxectores nos estribos.

Destacar que a infraestrutura conxuga funcionalidade, integración e estética, co que se converterá en parte da arquitectura urbana da cidade, nunha escultura icónica da Coruña e nun elemento identificativo desta zona comercial e da Grela.

O proxecto, ademais da pasarela, recolleu a construción dunha senda, rematada desde hai tempo, desde a rúa Severo Ochoa ata a parada de bus, onde tamén se colocou unha marquesiña.

Esta nova senda forma parte do Plan de Sendas na comarca da Coruña, cuxas actuacións son cofinanciadas con fondos europeos do programa operativo FEDER 2014/2020.