A piques de rematar as obras de ampliación e mellora da estrada do Parador de Muxía

1 minutes read

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, realizou este martes unha visita institucional ao Concello de Muxía, onde foi recibido polo novo alcalde da localidade, Iago Toba Campaña, o deputado responsable da área de Vías e Obras, José Manuel Pequeño, e os membros da corporación municipal.

Tras a recepción oficial na Casa do Concello, o presidente provincial, o alcalde e o deputado vistaron as obras de ampliación e mellora da estrada provincial DP 5201 de Muxía a Touriñán pola costa, que están xa a punto de rematar e que contaron cun orzamento de arredor de 1 millón de euros. Segundo informou o presidente só restan por instalar as biondas de seguridade e a nova sinalización vertical.

As obras supuxeron a ampliación da plataforma da estrada ata os 8 metros no tramo que discorre entre os puntos quilométricos 2+387 e 4+086, preto de 2 quilómetros de lonxitude que separan o remate do tramo xa ensanchado da estrada e o lugar de Lourido.

O novo vial conta cunha calzada de 7 metros e arcéns de 0,5 metros en ambas as dúas marxes, unha senda peonil de de 2 metros de ancho que discorre pola marxe dereita da calzada e que contribúe a mellorar a seguridade dos transeúntes e unha variante do trazado no lugar de Lourido, xa que as condicións que presentaba a travesía deste núcleo non eran as axeitadas para o tráfico rodado e peonil.

Formoso, Pequeño e Toba visitaron o novo mirador construido á altura do punto quilométrico 3+263, que conta con espectaculares vistas sobre a ría e dispón dunha pequena zona de estacionamento de vehículos.