A Policía Autonómica protexeu a 584 mulleres vítimas da violencia de xénero en 2023

1 minutes read

A Policía Autonómica prestou vixilancia e protección a 584 mulleres vítimas da violencia de xénero nas distintas xefaturas da unidade ao longo de 2023, segundo o informe do ano elaborado polo corpo policial. Neste cómputo, ademais das 284 mulleres que se mantiñan activas no sistema de protección a 31 de decembro, inclúense as 225 que quedaron inactivas polo cese das circunstancias que motivaron o risco e as 75 traspasadas a outros corpos de seguridade por cambio de domicilio da vítima.

Do total de mulleres atendidas durante o ano, 217 correspóndense coa xefatura de Vigo, 171 coa da Coruña, 67 coa de Santiago, 47 tanto coa de Ourense como coa de Lugo, e 35 coa de Pontevedra.

A Policía autonómica asumiu competencias na materia en setembro de 2016, tras asinar un protocolo de coordinación coa Xefatura Superior de Policía de Galicia que supuxo, entre outros aspectos, integrar o punto de coordinación das ordes de protección de Galicia co sistema de seguimento integral nos casos de violencia de xénero (Sistema Vioxén). Posteriormente, os axentes da UPA recibiron formación específica, tanto teórica como práctica.

As funcións que desenvolven os axentes pasan, fundamentalmente, por desprazar medios ante avisos de episodios de violencia, en colaboración coa Policía Nacional; prestar atención singularizada á vítima, a través de información detallada sobre procedementos legais, institucións de apoio…; o traslado das vítimas ao centro asistencial cando teñan sido agredidas, así como á comisaría para proceder á denuncia; a recollida de datos sobre o agresor e posta en marcha de medidas de seguridade oportunas; e a  adopción das medidas de protección establecidas nos correspondentes protocolos, tendo en conta o nivel de risco da vítima.