A Policía Autonómica requisa 34 quilos de percebe e 15 de ourizo de mar na Coruña

1 minutes read

Axentes da Policía Autonómica veñen de requisar de 34 quilos de percebe e 15 de ourizo de mar en varias operacións contra o furtivismo realizadas na Coruña, tramitándose as correspondentes actas de infracción e comisándose igualmente os medios utilizados para a extracción do mencionado marisco.

A primeira intervención foi o venres nas inmediacións da Praia das Lapas (A Coruña), comisándolle a dúas persoas sendas bolsas con 6 quilos de percebes cada unha. O sábado na zona de Bens, os Policías actuantes interceptaron a tres persoas dos que se tiña coñecemento que estiveran mariscando ilegalmente, incautándolles as bolsas que contiñan 22 quilos de percebe, así coma os útiles utilizados: tres rapas e un salabardo.

Este domingo a intervención fíxose na zona da Torre de Hércules, comisándolle a un veciño de Camariñas, unha bolsa con 15 quilos de ourizo de mar de gran tamaño. O ourizo intervido foi devolto ao mar, os percebes foron entregados nun centro benéfico da Coruña, tramitándose as correspondentes actas de infracción, comisándose igualmente os medios utilizados para a extracción do mencionado marisco.