A Praia dos Libros chega a Carballo con descontos e co obxectivo de reactivar as librarías locais

1 minutes read
  • Do 1 ao 15 de xullo, mercar un libro en Brañas Verdes, Clarión, Ler, Teldy e Trasgo ten desconto e premio

Este ano tampouco será posible celebrar a Praza dos Libros en Carballo, polo menos non co seu formato habitual. Por este motivo, e tras a campaña estival ‘Asómbrate coa lectura’ o pasado 2020, a Concellaría de Cultura decidiu seguir apostando pola promoción da lectura reactivando ademais as librarías, uns dos comercio máis afectados pola Covid-19.

Desde o Goberno Local destacan que en Carballo «contamos coa total implicación do sector». Brañas Verdes, Clarión, Ler, Teldy e Trasgo colaboran no desenvolvemento desta nova campaña que se levará a cabo entre o 1 e o 15 de xullo. As persoas que merquen nestas tendas terán un 5% de desconto en todos os libros, agás os de texto; incrementándose ese desconto ata un 10% os días 9, 10 e 11 de xullo.

Ademais, por cada compra igual ou superior a 15 euros realizada o 1 e o 15 de xullo en calquera das cinco librarías adheridas, cada consumidor recibirá un rasca co que poderá gañar outros vales desconto de 15 euros para seguir mercando libros no mesmo establecemento.