A Praza Castelao de Corcubión volveu a acoller unha concentración de apoio a Palestina

Convocada pola Coordenadora Galega de Solidariedade coa Palestina, e apoiada polo BNG Costa da Morte. A mobilización deste luns prodúcese no marco das convocatorias levadas a cabo en máis de 40 vilas e cidades galegas para continuar a solidarizarse co pobo palestino ante a agresión israelí.

No acto deuse lectura a un manifesto no que se denunciou que case 3 meses despois, Gaza continúa igual ou peor que antes do chamado plano de paz de Trump. As matanzas non se detiveron: mudaron de armamento, mais continúan igual de sistemáticas e impunes, e atinxen non só a Faixa Gaza, senón tamén outras partes da Palestina ocupada. 

Dende a organización afirman que «a axuda humanitaria non entra: segue a apodrecer nos pasos que controla Israel. E as bombas non deixan de caer.Desde a sinatura desta farsa da paz, os xenocidas israelitas déixannos máis de 425 vítimas mortais e mais de 1.100 persoas feridas ás que se lles nega atención médica en condicións. 

Só unha cousa mudou nos últimos tres meses. Un aspecto fundamental para que nada do resto cambie: as grandes corporacións da comunicación social, as que día a día se dedican a moldar a opinión pública, deixaron de contar o ben pouco que contaban. Xa teñen as cámaras e os micros postos noutro lugar e por fin poden os asasinos sionistas proseguir cos seus crimes sen medo a que a súa imaxe internacional se resinta.

Por iso, neste novo escenario onde pretenden que a Palestina deixe de existir, é mais importante que nunca que a solidariedade se manteña activa, que ocupemos as rúas levando a voz do pobo en resistencia e denunciemos tanto os crimes sionistas como a cómoda complicidade de quen nos goberna», conclúen.

Related posts

O PSOE de Muxía denuncia que se cobren os plans de conciliación na vila

Participantes no programa de intercambio xuvenil coa Laracha visitaron o Parlamento de Galicia

A Laracha xestionou a recollida a domicilio de 284 toneladas de residuos voluminosos en 2025