A primeira quenda dos campamentos de verán de Caión contou con medio centenar de participantes

1 minutes read

A primeira quenda dos Campamentos de Verán de Caión que cada ano organiza o Concello nestas destas reuniu durante esta semana a medio centenar de rapaces de entre 10 e 12 anos. Desde o pasado luns e ata onte venres participaron nun amplo programa de actividades lúdicas, deportivas e educativas aproveitando as posibilidades que ofrece a vila e outras localizacións próximas durante a época estival.

Os participantes desprazáronse diariamente desde a Praza Les Sables d´Olonne da Laracha ata Caión para desfrutar dunha programación variada na que non faltaron os xogos na praia, un obradoiro de deseño e personalización de cuncas, un taller de maxia e actividades deportivas como o surf. Completáronse as actividades con saídas ao Aquapark de Cerceda e ao centro de turismo ecuestre O Ventoso, en Erboedo.

A xornada de clausura de onte estivo marcada pola diversión, cunha dobre celebración. Pola mañá, gozaron dunha festa con inchables e tobogán de auga, e pola tarde puxeron o broche final ao campamento coa festa da escuma.

Os rapaces tamén recibiron a visita do alcalde, José Manuel López Varela, e dos concelleiros Patricia Bello e Alberto Blanco, que puideron compartir con eles unha parte das actividades e comprobar o bo ambiente no que se desenvolveu o campamento.

O Concello continúa apostando cada verán por unha ampla oferta de campamentos que combinan lecer, deporte, aprendizaxe e convivencia.

O luns dará comezo a segunda quenda do Campamento de Verán de Caión, que contará con outros 50 nenos de entre 7 e 9 anos. As actividades manterán a mesma filosofía, aínda que os contidos do programa estarán adaptados ás idades dos participantes.