A Xunta comezará durante a vindeira semana a vacinación dos membros da Policía Local dos diferentes concellos galegos, segundo vaian chegando as doses de vacinas. Nestes intres, o Servizo Galego de Saúde está a depurar as listaxes recibidas e, unha vez estean dispoñibles estas doses, poderase poñer en marcha proceso de vacinación. O ritmo estará condicionado pola dispoñibilidade de vacinas que reciba a comunidade nas vindeiras datas.
Os criterios para a priorización da vacinación fronte á covid-19 foron consensuados a nivel estatal, sendo definidos e aprobados polo Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde mediante unha estratexia común para todas as comunidades autónomas. O Plan Galego de Vacinación fronte á covid-19 adáptase aos criterios establecidos polo Ministerio de Sanidade, onde fica establecida a orde de priorización dos diferentes colectivos esenciais, onde se encadran os membros das Policías locais, ao igual que o resto de Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.