O filólogo, figura destacada da cultura da comarca de Bergantiños e colaborador do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega (RAG), foi un incansable estudoso e divulgador dos nomes da nosa terra, en particular daqueles lugares que marcaron a súa traxectoria vital. Mostra desta paixón son os catro volumes que deixa publicados na colección Terra Nomeada: ‘Toponimia da Estrada’ (2018), ‘Toponimia de Carballo’ (2020), ‘Toponimia de Ribeira’ (2022) e ‘Toponimia de Padrón en Pontecesures’ (2025), que presentou o pasado mes de xaneiro en Padrón.
Cabeza Quiles naceu en 1953 en Ponferrada e trasladouse a Galicia sendo aínda ben pequeno pola profesión do pai, profesor de instituto. Viviu na Estrada e en Ribeira, adoitaba pasar as vacacións da súa infancia en Padrón en Pontecesures, onde se asentaran os seus devanceiros no século XIX procedentes de Asturias, e acabou botando raíces en Carballo.
Socio fundador do Instituto de Estudos Bergantiñáns e membro da directiva da AGOn – Asociación Galega de Onomástica, a súa paixón polos nomes da terra tiña a súa orixe no seu amor pola natureza. O ciclismo era outra das súas afeccións. O seu pasamento produciuse no mediodía deste primeiro de maio tras sufrir unha caída cando circulaba en bicicleta pola parroquia carballesa de Ardaña.