O último rei de Grecia, Constantino II, recibiu este luns sepultura no cemiterio de Tatoi, acompañado de reis e raíñas de España, Suecia, Bélxica, Dinamarca e os Países Baixos, que acudiron a Atenas.
O funeral foi celebrado na Catedral Metropolitana de Atenas, e asistiron preto de dous centenares de persoas.
Flanqueando a ambos os dous lados o cadaleito atopábanse os achegados e monarcas: en primeira fila, a esposa do exrei, Ana María de Dinamarca, así como os seus fillos e as súas respectivas parellas.
Ao funeral foron convidadas 187 persoas, das que 130 proveñen do estranxeiro, e entre elas unha decena de monarcas.
Á cerimonia asistiu toda a familia do rei de España. O rei emérito Juan Carlos I chegou xunto á raíña Sofía, irmá de Constatino, que estivo acompañada da princesa Irene e outros membros da familia directa. Felipe VI e Letizia situáronse na primeira fila, reservada aos monarcas e xefes de Estado.
Esta foi a primeira vez que os membros da familia do rei apareceron todos en público desde o funeral de dona Pilar de Borbón en 2020, e a primeira vez que Felipe VI e Juan Carlos coincidiron en público desde o funeral pola raíña Isabel II en setembro pasado.