A rehabilitación do Colexio Labarta Pose (Zas) incluirá illamento térmico das fachadas, renovación de fiestras e reforma das cubertas

3 minutes read
  • O PSdeG reclamoulle á Xunta que execute as reformas máis urxentes antes do vindeiro curso “para garantir centros educativos seguros, saudables e dignos”

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, detallou este mércores no Parlamento que a rehabilitación do Colexio Labarta Pose (Zas) incluirá, entre outras actuacións, o illamento térmico das fachadas, a renovación das fiestras e a reforma das cubertas. Todas elas son accións encamiñadas a mellorar o confort diario da comunidade escolar e a eficiencia enerxética do centro, que están entre as principais prioridades do Plan de nova arquitectura pedagóxica, na que se enmarca a obra.

O titular do departamento educativo da Xunta sinalou que o proxecto da rehabilitación integral está en fase de redacción, cun orzamento previsto que se situará en torno a 1M€. Licitarase unha vez que todo o expediente administrativo–arquitectónico estea rematado, dentro da programación de obras para o período 2024/28. Tal e como destacou, esta nova intervención eleva a arredor de 1,5 € o investimento da Xunta en obras nos centros de Zas ao abeiro do devandito plan.

O GRUPO SOCIALISTA DENUNCIA O ABANDONO DOS DOUS COLEXIOS DE ZAS: “HAI QUE LEVAR CHUVASQUEIRO E CASCO”

“En Zas, o material escolar xa non é só caderno e lapis. Hai que levar deshumidificadores, que son uns máis nas aulas. Hai que levar chuvasqueiro, porque chove máis dentro que fóra. Hai que levar casco, por se cae algo do teito. E hai que levar a mochila cargada de paciencia”. Foi o resumo que a deputada socialista Patricia Iglesias fixo hoxe no pleno sobre o que acontece nos dous colexios públicos de Zas, por mor da “falta continuada de investimento por parte da Consellería de Educación”.

Durante súa intervención, á que asistiu a portavoz socialista no Concello de Zas, Sheila Rial, Iglesias denunciou que eses problemas son “o día a día de nenas, nenos e docentes que tratan de estudar e ensinar entre humidades, goteiras, frío, fiestras que non illan, caleiros rotos e patios cubertos que só o son de nome”. A esas graves eivas engadiu, no caso do Colexio Público Integrado de Zas, deficiencias como “un sistema de calefacción antigo e ineficiente e servizos en mal estado”. No do CEIP Labarta Pose, de Baio, un centro con máis de medio século de antigüidade, sumou “tubos cun avanzado estado de oxidación e o mal estado xeral do teito e outras estruturas”.

Todo iso está a xerar “problemas de saúde tanto no alumnado coma no profesorado”. Por outra parte, as ANPA “estanse vendo obrigadas a asumir gastos e responsabilidades que corresponden á Administración autonómica”, ante a ausencia de respostas e falta de consignación orzamentaria, “que contrastan coa necesidade urxente de garantir centros educativos seguros, saudables e dignos”.

A parlamentaria do PSdeG recordou que o Grupo Socialista presentou unha emenda aos Orzamentos da Xunta para o 2026 co fin de que se incluíran partidas para a reforma de ambos centros educativos. “E que pasou? Pois que o PP dixo non e o BNG nada presentou”, lamentou.

Por iso, Patricia Iglesias reclamoulle ao Goberno do PP o compromiso inmediato de que os técnicos da Consellería visiten ambos centros e se executen “as reformas máis urxentes antes do vindeiro curso escolar”. O contrario sería “dicirlles ás familias de Zas que se poden ir preparando outro inverno de cubos, humidades e frío”, advertiu.