O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, presidiu o acto de sinatura dos Acordos de Xestión do Sergas coas sete áreas sanitarias para o vindeiro ano que, -tal e como subliñou o titular da carteira sanitaria-, centran a súa atención no ámbito asistencial en tres grandes liñas, a saúde pública, as listas de espera e a atención primaria.
Na sinatura dos acordos estiveron presentes a xerente do Sergas, Estrella López-Pardo, así como o resto do equipo directivo do departamento sanitario galego e os xerentes e directivos das sete áreas sanitarias.
Coa sinatura destes acordos, o conselleiro sinalou que se fixan actuacións concretas, que contan cunha serie de recursos para levarse a cabo, e que teñen como finalidade “acadar os obxectivos de mellora continua dos servizos públicos sanitarios e de mellora da atención da saúde da poboación galega”.
O máximo responsable do Sergas, agradeceu o esforzo e o traballo dos profesionais da parte asistencial, recursos humanos, económicos e saúde pública, sen os que non sería posible o cumprimento duns obxectivos que so teñen un fin que é coidado da poboación.
Para orientar a política sanitaria da Xunta, Comesaña subliñou que no 2024 estará vixente, por primeira vez, a Estratexia de Saúde de Galicia 2030 que fixa prioridades e obxectivos comúns entre os distintos eidos que participan da política sanitaria.