A Semana Europea da Robótica achegará a Santiago as aplicacións actuais na industria e nos servizos

3 minutes read

Robots móbiles autónomos coma os que xa se usan na industria, brazos robóticos pensados para traballar xunto a operarios na automoción, pequenos robots humanoides que funcionan con intelixencia artificial ou un robot social para a aula. Son algúns dos que se poderán ver o venres 27 de novembro no CIFP Politécnico de Santiago durante «Robota: Cultura robótica», a xornada estatal da Semana Europea da Robótica que organiza HispaRob. A mañá está dirixida a empresas, centros tecnolóxicos, universidades, profesorado de bacharelato e FP e administracións públicas.

A mostra de robótica en vivo abrirá a xornada ás 9.30 horas no vestíbulo do centro. Universal Robots ensinará robots colaborativos e móbiles autónomos que xa se aplican na industria e se ensinan en FP; Jaka Robotics, unha maqueta coas aplicacións máis habituais destes robots na automoción; e Camp Tecnológico, distintas plataformas de intelixencia artificial aplicada a robots para centros de FP, como brazos robóticos e pequenos humanoides. Inrobics presentará a súa plataforma de robótica social para centros educativos e o alumnado do CIFP Politécnico amosará os seus propios proxectos: un brazo robótico que repón material nun almacén, outro que pinta e dous robots que coordinan entre si a loxística de mercadorías.

Tras a benvida do presidente de euRobotics, Francesco Ferro, e da presidenta de HispaRob, Jorgina Díaz, a mañá continuará con dúas mesas redondas. Na primeira, a Universidad Carlos III de Madrid, Inrobics, a Fundación STEM con ZOE, PAL Robotics e a Fundación CARTIF compartirán experiencias reais de robótica social na educación, na rehabilitación e no coidado de persoas maiores, e como se adapta ás necesidades de quen a usa. Na segunda, representantes da Policía Local de Narón, do ámbito das emerxencias a través de Nordestech, dos servizos de emerxencias e extinción de incendios e da Universidade de Vigo achegarán distintas perspectivas sobre como a robótica e as novas tecnoloxías poden contribuír a mellorar a resposta ante situacións de emerxencia e os servizos de seguridade. 

A xornada profesional pecharase coa presentación de ROBOTA-SUDOE, un proxecto europeo no que participan a Universidade de Santiago e o Centro Tecnolóxico da Carne de Ourense para que os robots poidan manipular produtos como a carne ou a froita, tarefas que en moitas pequenas empresas aínda se fan a man. Os profesionais poden inscribirse a través do formulario de HispaRob, e o profesorado de bacharelato e FP, en FProfe.

Feira de experimentación para familias

Pola tarde, de 17.00 a 19.00 horas, o CIFP Politécnico abrirá as súas portas ás familias e ao público en xeral cunha feira de experimentación e robótica. As persoas asistentes poderán conversar con robots dotados de intelixencia artificial, coñecer robots educativos que achegan a robótica e a programación aos máis novos, descubrir aplicacións da robótica espacial e experimentar coa realidade virtual. Ademais, poderán coñecer de preto a robótica industrial, con brazos robóticos e solucións de robótica colaborativa que amosan como estas tecnoloxías xa se empregan en contornas de traballo reais. A asistencia é gratuíta, pero require inscrición previa na web do evento.,

A Xornada HispaRob «Robota: Cultura robótica» é o encontro anual co que a Plataforma Tecnolóxica Española de Robótica (HispaRob) se suma á European Robotics Week, impulsada por euRobotics. Conta co apoio da Xunta de Galicia e a colaboración de ALLKNOW Education. A véspera, o xoves 26, está dedicada ao profesorado de Infantil, Primaria, Secundaria e Educación Especial, con mesas redondas e actividades prácticas.

Sobre HispaRob

A Plataforma Tecnológica Española de Robótica, HispaRob, agrupa empresas, centros de investigación, universidades e administracións implicadas no desenvolvemento e na integración da robótica na sociedade. É coordinadora nacional da European Robotics Week, promovida por euRobotics, e membro da alianza STEAM polo talento feminino Niñas en pie de Ciencia.