O Centro Comercial Aberto (CCA) Carballo pon en marcha unha segunda quenda do curso de «Empaquetado profesional para comerciantes», que terá lugar os días 3, 4 e 5 de novembro, de 20.30 a 22.30 horas, na Sala Cervantes do Mercado Municipal de Carballo.
Nesta nova convocatoria participarán 16 profesionais de 10 establecementos, que poderán acceder a unha formación práctica orientada a mellorar a presentación dos produtos, optimizar os procesos de traballo e reforzar a identidade comercial dos seus negocios.
A iniciativa dá continuidade á primeira edición, que espertou un notable interese entre os asociados e levou o CCA a programar unha nova quenda para facilitar a participación dos comercios inscritos que non puideran acceder inicialmente.
O curso será impartido por Andrea López de IDE SIGN Escaparatismo, profesional especializada en retail, visual merchandising e marketing comercial, con máis de 15 anos de experiencia no sector. Ao longo das tres sesións, as persoas participantes traballarán diferentes técnicas de empaquetado, adaptadas a distintos tipos de produtos e necesidades comerciais, desde solucións rápidas para artigos de alta rotación ata presentacións máis creativas e envoltorios personalizados.
A formación tamén abordará a incorporación da identidade de marca aos envoltorios e a organización dos procesos de empaquetado, especialmente en períodos de maior actividade, como a campaña de Nadal, cando a preparación dos agasallos adquire un papel destacado na experiencia de compra.
Con esta iniciativa, o CCA Carballo continúa apostando pola formación especializada como ferramenta para impulsar a profesionalización, a innovación e a competitividade do comercio de proximidade, ofrecendo aos establecementos asociados recursos prácticos para mellorar o servizo e a atención á clientela.
