A cita, terá lugar no polo aeroespacial de Rozas do 16 ao 18 de xuño de 2020, baixo a organización da editorial IDS, segundo informa a Xunta, entidade que colaborará no evento. Será a sexta edición de Unvex e estará centrada «nas demandas de solucións tecnolóxicas e eficientes por parte das administracións para ofrecer un mellor servizo á cidadanía».
O anuncio foi efectuado pola directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Agerey, desde a feira Xponential 2019, a principal cita internacional da industria de drons, que se celebrou en Chicago.
O obxectivo de atraer esta cita á comunidade é posicionar Galicia como «un polo de referencia internacional» no ámbito dos vehículos non tripulados para uso civil.
Na súa sexta edición, Unvex pivotará sobre o mercado emerxente do uso de drons para servizos públicos, tendo en conta que as administracións están cada vez máis interesadas no uso de novas tecnoloxías para a protección do medio ambiente, a vixilancia costeira ou as emerxencias, entre outras.