A Superliga chega aos tribunais


  • Este martes o presidente da Superliga e do Real Madrid, Florentino Pérez, defendía o novo torneo como a única posibilidade de salvar o fútbol. Mentres tanto segue en marcha o que algúns chamaron unha guerra mundial.

Un xulgado de Madrid prohibe á FIFA, a UEFA, LaLiga e outras federacións de fútbol adoptar calquera medida que impida ou complique a posta en marcha da Superliga. Mentres tanto, a Federación Internacional de Fútbol e a Unión de Federacións Europeas de Fútbol seguen en pé de guerra contra a nova competición que, aseguran, vai contra os valores do futbol. Pero a cousa séguese complicando para a Superliga: Manchester City e Chelsea poderían estar en trámites para abandonar o recentemente nado torneo. As ameazas da UEFA e a FIFA poden facer efecto.

«Se algúns elixen seguir o seu propio camiño, entón deben vivir coas consecuencias da súa elección. Son responsables da súa elección. Concretamente, isto significa que ou estás dentro ou estás fóra…», advertía este martes o presidente da FIFA, Gianni Infantino. Pero non era o único, pechando filas con el, Aleksander Ceferin, o seu homólogo da UEFA, dicía isto: «Entrade en razón, non por amor ao fútbol, porque me imaxino que algúns de vós non tedes moito diso, senón por respecto aos que se desangran para poder ir ao estadio para apoiar ao seu equipo e por querer que o soño se manteña vivo, facédeo por eles».