A tempada de pesca fluvial comeza este domingo

2 minutes read

En Galicia hai máis de 40.000 licencas a pescadores e pescadoras para pesca en ríos. A tempada de permiso comeza este domingo 18 de marzo, e rematará o 31 de xullo. Neste inicio, a alta cantidade de auga que levan os leitos logo dun mes de chuvia e neve garante que haberá salmón, reo, e troita toda a campaña. Pero os grandes caudais van condicionar tanto os movementos dos pescadores como os dos peixes e as capturas van ser máis difíciles.

A troita vai volver ser a especie máis capturada por ser tamén a máis abondosa. Para coller reo e salmón haberá que ir ás zonas próximas á costa. Aínda que a abundancia non garante que piquen. A pesca fluvial é unha modalidade deportiva suxeita a unha estrita regulación. Este ano, na maior parte dos coutos o límite será de catro troitas por persoa e día, dous reos e un salmón. E todos cun tamaño mínimo en función da especie. Para quen queira desfrutar do río sen danar os animais hai cada vez máis tramos de pesca sen morte.

No que refire a troita, a Xunta publicaba o pasado mes de febreiro no DOG (pode consultarse neste enlace) unha dimensión mínima de 19 cm con carácter xeral, sen prexuízo das normas específicas que se establecen para determinadas masas de auga. Por norma xeral, a cota máxima de captura por persoa e xornada é de 6 exemplares, sen prexuízo das normas específicas que se establecen para determinadas masas de auga.

Entre as excepcións atópase: Río Eo compartido: dimensión mínima de 25 cm e cota de 4 troitas por persoa e xornada; normas específicas en masas de auga do anexo VI: dimensión mínima de 21 cm e cota de 4 exemplares por persoa e xornada; normas específicas en toda a masa de auga dos encoros dos anexos VII e VIII: dimensión mínima 23 cm e cota de 3 exemplares por persoa e xornada; normas específicas nos cotos de pesca: no anexo XII recóllense as dimensións mínimas e as cotas de captura específicos de cada coto de pesca. Recalcan que nunha masa de auga concreta non se poderá estar en posesión de troitas de menor tamaño que o autorizado, mesmo cando fosen pescadas noutro lugar, excepto no caso de que se estea de paso, con todos os aparellos e cebos recolleitos e, no seu caso, as canas encartadas.