- A televisión pública galega perdeu en 33 anos 8,6 puntos de share.
Os datos de audiencia da TVG en 2025 ofrecidos pola empresa Kantar Media confirman a tendencia á baixa en que se sitúa a canle pública galega nos dous últimos exercicios. Segundo estas cifras, a TVG rematou o ano cunha cota de pantalla de 8,4%, o que representa unha caída de dúas décimas en relación con 2024, tras rexistrar unha perda de espectadores ao longo de toda anualidade, que se manifesta en todas as faixas horarias e en todos os formatos, co mes de xuño marcando os peores datos. A TVG rexistrou mínimos históricos de audiencia o pasado ano. Se á volta de 1992, primeiro ano con datos, alcanzou unha cota de pantalla de 17% e nas dúas últimas anualidades do Goberno bipartito de PSdeG e BNG, 2007 e 2008, chegou a 14,1% e 15,5% respectivamente; en 2025 situouse en 8,4%. Neste sentido, a televisión pública galega perdeu en 33 anos 8,6 puntos de share e deixouse máis da metade dos seus espectadores e espectadoras, nun proceso que se acelerou de forma evidente a partir de 2023. A presidenta do Comité Intercentros da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG), Raquel Lema, responsabiliza desta caída de audiencia da TVG ao equipo de dirección. Sinalando que «os dramáticos datos desgraciadamente confirman os nosos temores. Por mor da manipulación informativa que aliña o relato dos medios públicos co discurso do Partido Popular e da Xunta, a TVG xa non é unha opción, nin sequera para informarse, xa que abandonou hai moito tempo Galicia como suxeito informativo para pregarse aos intereses partidistas que teñen o foco basicamente en Madrid. «Iso pasa factura», explica Lema, quen argumenta que «a cobertura da información galega limítase a loar as políticas de Rueda, facendo propaganda, e a ocultar as voces da oposición, ausente nos medios públicos, onde só aparecen para demonizar a xestión que fan nos concellos que gobernan. A xente non é parva e procura outras fontes de información, conclúe. Os datos destes primeiros días de 2026 inciden na tendencia do ano pasado. Así, por exemplo, o domingo 4 de xaneiro a TVG alcanzou unha cota de pantalla total de 5,4%, ficando a súa audiencia por baixo de La 1 (que liderou con 10,8%), de Antena 3 (10,4%), de Telecinco (7,2%), de La Sexta (6,1%) e de Cuatro (5,9%). Ao tempo, os informativos foron os menos vistos no país destas seis canles, rexistrando Telexornal 2 uns 58.000 espectadores e espectadoras e Telexornal 1 uns 57.000. Así, a TVG rexistrou un dos 20 datos de audiencia máis baixo da súa historia.