A UE actuará contra o Reino Unido por incumprir o acordo do «brexit»

1 minutes read

A Comisión Europea anunciou este xoves a apertura dun procedemento de infracción contra o Reino Unido por non retirar antes de finais de setembro o proxecto de lei que viola o acordo sobre a retirada británica da Unión Europea.

A presidenta da CE, Ursula von der Leyen, foi a que fixo o anuncio nunha comparecencia en que non admitiu preguntas. Segundo precisou, Bruxelas enviou unha carta de emprazamento a Londres, o que sería o primeiro paso no procedemento de infracción comunitaria. Agora o Reino Unido ten un mes de prazo para responder coas súas observacións.

Se as respostas non resultan satisfactorias para o Executivo comunitario, pasaríase á segunda fase, co envío dun ditame motivado, e en caso de persistir o incumprimento o caso podería rematar perante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea.

Noutra orde de cousas, Londres e Bruxelas manteñen esta semana a novena rolda de negociación sobre a súa relación tras o brexit.