A Universidade de Santiago recibe 7M€ para dixitalización e innovación tecnolóxica

1 minutes read

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e mailo reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López, asinaron dous convenios de colaboración a través dos cales se inxecta na USC un total de 7,22M€ para reforzar os seus procesos de dixitalización e innovación tecnolóxica.

O primeiro trátase dunha achega para avanzar na transformación dixital, de xeito que se consoliden e melloren os cambios realizados ata o momento e que se viron acelerados pola situación de pandemia.

O outro acordo abrangue o desenvolvemento de accións estratéxicas de I+D+i, co fin de mellorar as infraestruturas universitarias vinculadas á investigación e á produción científica.
Ao abeiro do mesmo, a USC poderá actualizar infraestruturas como os laboratorios de neurociencias e robótica ou a plataforma L2A2, entre outros. Así mesmo, inclúese o apoio ao talento mediante o programa Beatriz Galindo ou a financiación das bolsas de iniciación á investigación ou das convocatorias específicas de carácter internacional. A acción abrangue tamén a redefinición das estruturas de investigación coa creación de novos centros, o apoio e reforzo das estruturas existentes e accións tranversais que van desde axudas á investigación a actividades de dinamización da actividade investigadora.