A veciñanza de Cabana de Bergantiños estrea a Casa Museo Saturnino Cuíñas Lois nun emotivo acto

2 minutes read

O Concello de Cabana de Bergantiños inaugurou na tarde deste venres a Casa Museo Saturnino Cuíñas Lois, un novo espazo recuperado para uso público na parroquia de Cesullas. O centro nace coa vocación de ser punto de encontro para a veciñanza e de homenaxear a figura de quen fora crego de Cesullas, fillo adoptivo do municipio.

O acto contou cunha ampla asistencia de veciñas e veciños, así como con representantes do tecido cultural e social do municipio. A xornada estivo amenizada polas actuacións do grupo de gaitas Os Farrapos e da Coral de Cesullas, que puxeron o acento emotivo e festivo a unha cita memorable.

Durante o acto, o alcalde de Cabana de Bergantiños, José Muíño, destacou o valor da recuperación da reitoral e agradeceu a asistencia dos veciños e veciñas de Cabana á estrea do inmoble.

“Este edificio, como moitos outros de Cabana, é un anaco da nosa historia ao que decidimos devolverlle a vida. Hoxe abrimos as portas dun lugar que estaba a piques de desaparecer e que agora volve ser útil para os veciños e veciñas”, salientou o rexedor.

Muíño tamén quixo resaltar a figura de Saturnino Cuíñas e o legado que deixou en Cabana: “Entendeu o seu tempo desde o compromiso cos demais. Estivo ao lado da xente e fíxose fillo de Cabana dende o minuto cero. Esta casa museo é, dalgún xeito, unha forma de dicirlle que non o esquecemos e que a súa memoria perdura en Cabana”.

Un espazo de homenaxe e para a veciñanza

A intervención executada polo Concello permitiu recuperar a antiga casa reitoral de Cesullas, un inmoble de gran valor patrimonial que se atopaba en risco de ruína. Dentro da liña de traballo do goberno municipal por recuperar inmobles útiles para a veciñanza, levouse a cabo unha rehabilitación integral que consolidou a estrutura do edificio e que o dotou de novos usos ao servizo da cidadanía. O resultado é un espazo de máis de 200 metros cadrados, con salas de usos múltiples e unha galería recuperada, pensado para acoller actividades culturais, sociais e veciñais.

A Casa Museo Saturnino Cuíñas Lois, ademais de cumprir esa función comunitaria, nace tamén como lugar de memoria. O edificio rende homenaxe a quen foi párroco de Cesullas e fillo adoptivo e predilecto de Cabana de Bergantiños. Durante a súa estancia, traballou continuamente na dinamización do municipio, sendo clave no fomento da romaría de San Fins do Castro, entre moitas outras cousas.

O proxecto desenvolveuse en varias fases que incluíron tanto a recuperación estrutural do inmoble como a posta a punto do seu interior e da contorna. A actuación foi posible tras a cesión do edificio por parte da Igrexa ao Concello.