- Estarán en funcionamento durante tres xornadas, do 23 ao 27 de xuño
As ganas de festa, de pasalo ben, de poder saír a bailar a unha verbena ou subirse a unha atracción de feira son cada vez máis grandes. Por este motivo, aproveitando a chegada do verán e a celebración do San Xoán, o Concello de Muxía dispuxo unha ampla programación deportiva, cultural e lúdica para este verán, a MuxiUP, que conta ademais cunha sorpresa: durante tres xornadas, do 23 ao 27 de xuño, no porto desta vila mariñeira instalaranse varias atraccións de feira para o desfrute de todos.
Hai uns días o Goberno local comezou a enviar ás casas onde viven menores de 16 anos cartas con invitacións, en concreto 5, para poder acceder de xeito gratuito a calquera destes aparellos de diversión. Isto, como «compensación ao bo comportamento e recompensa aos difíciles momentos que pasaron durante as etapas máis complicadas do covid. Meréceno», afirma o rexedor da localidade, Iago Toba. O alcalde tamén destacou que «toda a instalación e funcionamento estará en todo momento baixo control de protocolos sanitarios, fundamentais para evitar riscos».
Debido á importante cantidade de cartas enviadas, desde o Concello lembran que calquera usuario pode poñerse en contacto co mesmo para notificar algún posible erro.
A oposición pregunta sobre os permisos para realizar a actividade
No pleno ordinario celebrado este venres, 18 de xuño, a oposición de Muxía cuestionouse varias preguntas sobre a celebración desta iniciativa: a cantidade de cartos necesarios para poñela en marcha, quen a organiza exactamente e se se contan cos permisos necesarios para realizala. De feito, a voceira do PP, Sandra Vilela, afirmou que o Concello «a día de hoxe non ten permiso para facer isto».
Prohibido o estacionamento no porto desde este martes
Tanto a Policía Local de Muxía coma a agrupación de Protección Civil da localidade comunicaron que desde este martes, 22 de xuño, queda prohibido o estacionamento de vehículos nos aparcamentos situados na entrada ao porto «dada a necesidade do espazo para levar a cabo a montaxe das atraccións».