A vítima era natural do Concello lucense de Sober, dunha pequena aldea da parroquia de Rosende. Aquí tiñan a casa os seus pais, que son moi maiores e agora viven na residencia de anciáns. Estrella Domínguez, de 63 anos, viña velos con moita frecuencia. A última vez fai xusto unha semana.
Aínda que levaba anos asentada en Madrid, a muller era moi apreciada polos seus veciños. A corporación acordou dous días de dó polo seu pasamento e unha concentración o luns.
Estrella levaba coa actual parella, e posible autor do crime, preto de vinte anos. Segundo parece, a súa relación era boa e non existía denuncia por malos tratos.
A morte foi por un tiro de escopeta que realizou supostamente o seu home, que atoparon sen vida noutra habitación cun disparo feito coa mesma arma.
A autopsia e a investigación policial determinarán como sucederon os feitos. Estrella Domínguez será enterrada este domingo en Sober. De confirmarse, sería a décima vítima mortal de violencia machista no que vai de ano.