O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, reuniuse co alcalde de Ponteceso, José Manuel Mato, co obxectivo de explorar posibles vías de cooperación enfocadas á dinamización e impulso do comercio local do municipio.
Durante o encontro, analizáronse as principais necesidades do sector comercial da zona, co obxectivo de sumar esforzos e coordinar actuacións eficaces en apoio do comercio de proximidade. O conselleiro salientou a importancia desta xuntanza como exemplo do compromiso da Xunta coa cooperación entre a Administración autonómica, os concellos e o tecido comercial, unha das liñas prioritarias recollidas no novo Plan Estratéxico do Comercio de Galicia 2025-2030. A Xunta reafirma así o seu apoio á posta en marcha, promoción, mantemento e mellora do comercio local como motor económico e elemento vertebrador do territorio.