A Xunta de Galicia abriu o prazo para que as mozas e mozos que o desexen participen na elaboración do novo Plan Estratéxico de Xuventude de Galicia 2022-2027. Poden facelo a través dun formulario webque xa está dispoñible na páxina da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.
Esta enquisa en liña, que permanecerá aberta ata o 30 de setembro, está especialmente dirixida aos galegos de entre 14 e 30 anos e as respostas que se obteñan formarán parte da análise para orientar o contido do novo plan de Xuventude. Neste formulario, a Administración autonómica pregunta polos principais temas que lle preocupan á mocidade e a importancia que teñen para ela distintos ámbitos de actuación de carácter transversal da Xunta. Estes tamén poden apuntar tres propostas para seguir mellorando o futuro da xente nova.
Esta consulta pública está impulsada para escoitar a opinión dos máis novos sobre as políticas que máis lles afectan. Así, esta estratexia 2022-2027, que da continuidade á de 2021, establecerá os obxectivos, ámbitos de actuación e liñas de acción específicas para responder ás súas demandas, que se recollerán tamén a través de foros de debate presenciais conforme vaia avanzando a elaboración do plan.