Fortalece así a rede de recursos para o coidado das persoas maiores que viven en concellos rurais pouco poboados, coa finalidade de facer posible que cumpran co seu desexo maioritario de permanecer na súa contorna e preto das súas casas, familiares e achegados. A este obxectivo responde a rede de casas do maior que están en funcionamento por toda a comunidade e á que hoxe se suma unha máis en Fisterra, que está situada no lugar de Vilar e que é a terceira coa que conta este concello.
O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, estivo esta mañá na inauguración deste servizo, no que recibirán atención gratuíta persoas con 60 ou máis anos de idade que teñan unha dependencia moderada. Estes coidados inclúen a manutención, a hixiene e o desenvolvemento de actividades de lecer e cognitivas para favorecer un envellecemento activo e saudable. O horario de atención será dun máximo de oito horas diarias e durante todo o ano, agás os días festivos e o mes de vacacións.
Antón Acevedo salientou a importancia das casas do maior, das que destacou que ofrecen unha atención individualizada a grupos pequenos, xa que como norma xeral cada unha delas ten un máximo de cinco usuarios. Tamén valorou o feito de que favorecen a conciliación das familias, axudan a fixar poboación no rural e a dinamizar a economía local alí onde se asentan.