A Xunta activa unha liña de préstamos directos para impulsar o investimento empresarial


A Xunta de Galicia, a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), vén de activar unha nova convocatoria da liña de préstamos directos, que suma 18 millóns de euros na procura de facilitar o financiamento e promover a competitividade de pemes e autónomos galegos. A liña, que se enmarca na Axenda Financeira 2023, céntrase no financiamento de investimentos estratéxicos, prestando tamén especial atención á operativa das empresas no contexto actual de incremento xeneralizado do custo das materias primas e da enerxía, ademais de atender a actuacións levadas a cabo por centros tecnolóxicos, asociacións empresariais, fundacións e entidades que desenvolvan actividades económicas, de I+D ou de servizos de interese para o tecido empresarial galego, e operacións da industria auxiliar naval.

Entre as liñas publicadas contémplanse préstamos para investimentos estratéxicos consistentes na creación de novas instalacións e na mellora das existentes, ou no incremento de capacidade produtiva. Cun tipo de xuro con bonificacións de ata o 1,5% con respecto ao de mercado para determinadas modalidades de investimento, estes préstamos teñen unha duración de ata 12 anos coa posibilidade de incluír un de carencia.

Así mesmo, habilítanse préstamos para financiar aquelas industrias afectadas polo incremento de prezo de materias primas e subministracións, escalada iniciada como consecuencia da invasión de Ucraína. Neste caso, as contías oscilan entre os 300.000 euros e un millón, contando tamén con bonificación nos tipos de xuro.