A Xunta actualiza o Plan de Protección Civil de Salvamento nas Praias de Galicia

1 minutes read

O Plan Sapraga para este 2022, ten como obxectivo principal garantir a cobertura das emerxencias que poidan xurdir nas zonas de baño da comunidade, establecendo os procedementos de comunicación e coordinación cos servizos de emerxencias de Galicia (PLATERGA) no caso de emerxencias extraordinarias.

O novo SAPRAGA actívase con carácter estacional durante a época estival e, tendo en conta o marco competencial en materia de praias, a adhesión ten carácter voluntario para os concellos que teñan augas de baño censadas no Servizo Galego de Saúde (SERGAS). Poden adherirse cantas praias estean no censo, debendo contar con servizo de socorrismo e Plan de Prevención e Seguridade segundo se determina no Plan.

A principal novidade neste ano é a análise de riscos, xa que se clasifican as zonas censadas en función da afluencia e perigosidade, determinando os medios e recursos mínimos de protección e os contidos mínimos do Plan de Prevención e Seguridade. Este plan está dirixido polo director xeral de Emerxencias e Interior, coa misión de asegurar o bo funcionamento do plan, o seguimento e avaliación das actuacións, e de garantir a integración no PLATERGA e o enlace cos plans de contaminación mariña e o de Salvamento Marítimo. 

O plan SAPRAGA é un plan sectorial de carácter preventivo e operativo, a través do cal se atenderán as emerxencias ordinarias no espazo das praias. En caso de emerxencia extraordinaria, a proposta do CIAE 112 Galicia, e previa valoración do risco pola AXEGA e o director xeral de Emerxencias e Interior, activaras o PLATERGA no nivel que corresponda, activando os grupos operativos que sexan necesarios e quedando nese momento integrado o Servizo Público de Prevención e Socorrismo da Praia no grupo de intervención do PLATERGA.