A Xunta adía o inicio do curso ata a semana do 23

1 minutes read
  • A decisión responde a criterios técnicos, co fin de facilitar a adaptación dos centros ás novas medidas de seguridade

O inicio do curso en Secundaria adíase para os días 23, 24 e 25 de setembro, segundo comunicou este venres o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez. A decisión foi consensuada coa Xunta Autonómica de Directores nunha reunión celebrada cos representantes dos centros de Secundaria, e na que tamén participaron os xefes da Inspección educativa nas catro provincias.

Tal e como explicou o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia, trátase dunha decisión prudente, “que responde a razóns técnicas” e “logo de escoitar a opinión dos representantes dos directores de Secundaria e máis dos xefes de Inspección”. Segundo explicou, outras Comunidades Autónomas están tomando decisións similares.

Este adiamento facilita a adaptación e organización dos centros para reforzar as medidas sanitarias tras os cambios acordado entre as comunidades e o Goberno central o pasado 27 de agosto, onde se recomenda unha distancia de seguridade entre os alumnos nas aulas de 1,5 metros. “Isto cambiou radicalmente as previsións dos centros de Secundaria e está xerando un sobresforzo nos equipos directivos e no profesorado”, destacou o conselleiro.

Contratación de profesorado
Román Rodríguez tamén recalcou que xa se está a traballar na determinación da cifra de profesores que será preciso contratar este curso a maiores para estas etapas, co fin de dar resposta aos desdobres que sexa necesario realizar.