A Xunta adxudica a execución do ‘by-pass’ no río Anllóns, en Carballo

2 minutes read

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, adxudicou por 268.046 euros a execución das obras do ‘by-pass’ no río Anllóns na zona de Muíño do Quinto, en Carballo.

Este contrato, adxudicado á empresa Vázquez Reino, S.L., conta cun prazo de execución de 6 meses e céntrase na mellora da capacidade hidráulica do río ao seu paso polo emprazamento de Muíño do Quinto.  

O investimento global da actuación superará os 331.300 euros, tendo en conta as expropiacións necesarias para a realización dos traballos.

As obras obxecto de contratación permitirán executar a apertura dunha canle trapezoidal que posibilite derivar caudal en períodos de avenida. Para iso tense deseñado unha rasante lixeiramente máis elevada respecto á canle, para que en réxime natural o río circule polo seu leito pero que, cando se produza un desbordamento, a auga poida ser canalizada pola canle de derivación que se vai a construír.

Para levar a cabo esta actuación, crearase un paso transversal da auga baixo a calzada que atravesa a canle. Este aspecto resolverase coa construción dun marco in situ de formigón armado. Ademais, a senda fluvial tamén se verá afectada pola apertura da canle, polo que se ten proxectada a construción dunha pasarela de madeira de 10 metros de luz que dea continuidade ao trazado.

Máis concretamente, o proceso construtivo consiste, primeiramente, en realizar o marcado da zona expropiada e levar a cabo as tarefas de roza e retirada de elementos que se atopen situados na zona de traballo. Unha vez preparada a zona de obra, comezarase co movemento de terras executando a canle do ‘by- pass’, tanto augas arriba como augas abaixo, mantendo o camiño asfaltado en servizo ata o final, xa que esta calzada servirá de zona de paso para a maquinaria durante as obras.

Paralelamente, irase executando a pasarela de madeira que dará continuidade á senda fluvial que transcorre pola marxe esquerda do río Anllóns, xunto coa senda fluvial que será necesario repoñer. Unha vez finalizado o movemento de terras, actuarase na calzada.

Demolerase o pavimento e realizarase a escavación ata a cota de cimentación. Realizarase o saneo da zona de apoio, colocarase o xeotéxtil e o formigón de limpeza sobre a que asentarán os marcos.

O marco executarase in situ e unha vez finalizado, disporanse os recheos do trasdós, estenderase o pavimento e colocaranse os elementos de sinalización, balizamento e defensas. Inclúese ademais, unha partida de estendido de zahorra para a reposición dun camiño municipal que dará acceso ás parcelas que verán interrompido o seu acceso pola construción da canle.