O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, destacou nun webinario organizado por AJE Galicia no que tamén participou a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, a oportunidade que supón para os sectores afectados pola crise da covid-19 a posta en marcha do terceiro Plan de Rescate, co que a Xunta quere seguir acompañando ao tecido produtivo, pemes e autónomos para compensar sacrificios e axudarlles a recuperar a súa actividade.
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este venres as bases da convocatoria desta iniciativa coa que a Xunta porá a dispor de autónomos e empresas 234,4 millóns de euros, unha contía que sumada ao investimento dos dous plans de rescate activados con anterioridade polo Goberno galego suman 416M€.
O vicepresidente económico quixo mandar unha mensaxe de optimismo asegurando que a estabilización do plano sanitario actual tamén consolida un escenario de reactivación económica, o que impulsará de novo sectores como o turismo, a hostalería ou o comercio.