A Xunta apoia as entidades que forman EAPN-Galicia

1 minutes read

A conselleira de Política Social, Fabiola García, avogou este luns por seguir a avanzar na cooperación entre administracións e coas entidades sociais para garantir o benestar de todos os fogares galegos, en especial daqueles con menos recursos. Díxoo na firma do novo convenio que asinou co presidente da Rede galega de loita contra a pobreza (EAPN Galicia), Antonio Hernández, que ascende a 36.000 euros e que dá continuidade ao apoio da Xunta ao traballo que desenvolve esta rede de entidades.

Fabiola García sinalou que combater as situacións de desigualdade e as súas causas debe ser unha tarefa compartida por toda a sociedade. De feito, este acordo entre Xunta e EAPN Galicia ten como finalidade mellorar a coordinación, optimizar os recursos e fortalecer as sinerxías da vintena de entidades que conforman esta plataforma social.

O convenio recolle entre os seus obxectivos a creación de grupos de traballo, a organización e participación activa en foros sociais, facilitar o intercambio de información entre entidades, corresponsabilizar aos axentes clave para evitar situacións de vulnerabilidade, sobre todo ás administracións públicas e empresas, e sensibilizar á sociedade.