A directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, Natalia Prieto, defendeu este xoves que a folla de ruta do Goberno galego é seguir impulsando as distintas vías de comunicación da cidadanía coa Administración a través do fomento do uso de medios electrónicos. Trátase dun sistema de atención á cidadanía que garante, a través dun servizo multicanle, o dereito a recibir da Administración a información que se solicite.
Este intercambio está conseguindo unha relación máis próxima e sinxela entre a cidadanía e a Administración, e unha maior calidade na prestación dos servizos públicos. A través da posta en marcha de diferentes organismos, como a Oficina de Defensa das Persoas Usuarias dos Servizos Públicos ou ampliando as canles de presentación de suxestións e queixas, conseguiuse axilizar os prazos de resposta e facer os procedementos administrativos máis claros, sinxelos e transparentes.
A directora xeral fixo fincapé nas diferentes maneiras en que a cidadanía ten para conectar coa Administración. A presencial, en calquera oficina integrada no Sistema único de rexistro da Xunta de Galicia; a electrónica, a través da sede electrónica, á cal se pode acceder as 24 horas dos 365 días do ano; e a telefónica: a través do teléfono de información e atención á cidadanía da Xunta de Galicia (teléfono 012).
Tamén recordou Prieto o especial esforzo realizado na supresión de barreiras e accesibilidade a servizos para as persoas con discapacidade: mediante o teléfono xa mencionado ou coa introdución do servizo de videointepretación en lingua de signos coa finalidade de garantir a atención das persoas xordas ou con discapacidade auditiva.