“Este teito de gasto é excepcional, por ser o máis alto da serie histórica, polos recursos extraordinarios que imos recibir de fondos europeos e tamén pola cobertura do 1,1% do déficit público que decidiu o Goberno central para as comunidades autónomas”, abundou o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, engadindo que “ten como obxectivos afrontar a pandemia sanitaria, a reactivación da economía e, na medida das nosas posibilidades, axudar ás familias, autónomos e pemes que están sufrindo a crise económica e social nos seus propios fogares”. Nesta liña, subliñou que os orzamentos inclúen a parte que lle corresponde a Galicia da transferencia extraordinaria do Estado ás comunidades: 684,9 millóns de euros, resultado de aplicar o 1,1% de PIB estimado para Galicia en 2021. E os recursos de React-EU, dos que se inclúen unha previsión de 430 millóns de euros. Con estes ingresos, Galicia contará cun límite de gasto de 11.664 millóns de euros, o que supón a maior cifra desde que existe este instrumento, dos cales: 9.864 millóns serán ingresos ordinarios e 1.800 millóns serán extraordinarios.