O Consello da Xunta aprobou este venres o proxecto de orzamentos do Goberno galego para o ano que vén, que ascende a 11.563 millóns de euros. Supón un incremento do 14 por cento respecto das contas deste ano e “o maior orzamento da historia” de Galicia, segundo o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que detallou as “tres prioridades” do seu gabinete:
• Combater a pandemia.
• Reactivar económica e socialmente Galicia.
• Atender as necesidades das familias, traballadores e empresas.
As contas elaboradas polo Executivo autonómico prevén a creación de catro novos fondos financeiros: un deles con 503 millóns de euros para loitar contra a pandemia, outro de 430 millóns para a reactivación económica, 105 millóns para un fondo de garantía de infraestruturas sanitarias e outros 115 millóns para consensuar medidas cos axentes sociais. Prevese tamén unha contención do gasto corrente, entre outras cousas, pagando a menor cantidade de intereses por débeda dos últimos 25 anos da historia autonómica. Soben por encima do 11 por cento o gasto social e o destinado a fomentar o emprego. Para o Xacobeo resérvanse 61,7 millóns de euros.