A Xunta autoriza licitar a xestión integral da rede de plantas de transferencia de Sogama

1 minutes read

O Consello da Xunta autorizou licitar por un importe de 27,26 millóns de euros a xestión integral da rede de plantas de transferencia de residuos de Sogama. “Trátase dos puntos intermedios nos que se trasvasan e clasifican os residuos que se recollen nos municipios” antes de chegar ao centro de tratamento, indicou o vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo.

A función das plantas de transferencia é transvasar as distintas tipoloxías de residuos que competen a Sogama (bolsa amarela e negra e, proximamente, a marrón) desde os camións de recollida municipal dos concellos adheridos —na actualidade 295 que suman unha poboación de máis de 2,2 millóns de habitantes—  a contedores de maior capacidade, aptos para ser transportados, por tren ou por estrada, nas mellores condicións hixiénicas e de seguridade ata as instalacións que ten a empresa pública no Complexo Medioambiental de Cerceda e, en breve, ás plantas de compostaxe de biorresiduos de cada provincia.