A Xunta avalía os dous últimos proxectos desenvolvidos polo GALP Costa da Morte

2 minutes read
  • Trátase de SaboR a MaR con R e de Temporada de Mar, iniciativas financiadas polo Fempa con máis de 154.000 euros.

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángelez V. Suarez, mantivo este venres unha reunión de traballo cos integrantes da Asociación de Profesionais do Turismo Costa da Morte (APTCM), que serviu para avaliar os dous proxectos levados a cabo coas axudas da extratexia de desenvolvemento local participativo aprobada polo Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro Costa Sostible no marco do Fondo Europeo Marítimo de Pesca e de Acuicultura 2021-2027, así como para testear novas colaboracións que permitan seguir dinamizando este territorio, diversificando iniciativas que teñan unha repercusión real na economía local a través do impulso da actividade marítimo-marisqueira.

As dúas accións abordadas suman unha achega por parte de Consellería do Mar de máis de 154.000 euros. A primeira delas, coñecida como SaboR a MaR con R, contempla distintas liñas de actuación destinadas a potenciar os produtos das frías augas do Atlántico no período estacional comprendido ente setembro e abril. A segunda, Temporada de Mar, é un innovador proxecto que promove unha rede de gastronomía de quilómetro cero no territorio que abarca este Galp. Así, durante o mesmo período que o anterior, unha rede de establecementos ofrecen menús baseados nos mellores produtos locais, promovendo con elo a riqueza natural e cultural da zona. Esta proposta gastronómica resalta a calidade, frescura e sostibilidade do peixe e marisco da zona, impulsando en paralelo, outros sectores como a artesanía e o turismo activo.

As dúas actuacións permitiron crear unha oferta integral vinculada á economía azul sostible e ao desenvolvemento da comunidade mariñeira, xerar alianzas empresariais e institucionais en materia gastronómica e turística, aumentar o valor da produción local, e promover oportunidades que poñan en valor tamén o papel da muller, así como suscitar o interese da xente moza.

Estes proxectos teñen o seu ámbito de actuación no territorio que comprenden as áreas da Ría Muros-Noia e o sur da Costa da Morte, abranguendo os concellos de Fisterra, Cee, Dumbría, Carnota, Muros, Outes, Noia e Porto do Son, que ocupan unha superficie total de 593,4 quilómetros cadrados e contan cunha poboación de máis de 58.600 habitantes.

Trátase dunha zona que está estreitamente vinculada ao sector pesqueiro, tanto a nivel económico e laboral como no eido cultural e social. Dita vinculación próbase cunha marcada dependencia do sector da pesca nun 45%.