A Xunta axudará aos concellos a optimizar a xestión do abastecemento de auga

2 minutes read

A Xunta axudará aos concellos galegos a optimizar a xestión que realizan do abastecemento de auga á poboación e a acadar o obxectivo de situar por debaixo do 20% as fugas das redes. Así o avanzou a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, durante a presentación no Parlamento galego do Proxecto de lei de medidas de garantía do abastecemento en episodios de seca e en situación de risco sanitario.

Intervención de Ethel Vázquez.

A lei nace da necesidade de adaptar a xestión pública da auga ao novo contexto de cambio climático e para coordinar a resposta das administracións ante situacións de seca ou o de risco sanitario. Con esta norma, asegurou a conselleira, “Galicia vai estar mellor preparada” para afrontar esas eventualidades.
A Lei aposta, por unha banda, pola prevención, procurando unha maior eficiencia e responsabilidade na xestión e no uso das reservas hídricas; e, por outra banda, ordena e delimita con claridade os protocolos de actuación que debe seguir cada administración en caso de seca ou risco sanitario, facilitando a máxima axilidade na adopción de medidas extraordinarias destinadas a garantir auga á poboación.
A conselleira lembrou que as competencias no abastecemento de auga á poboación son dos concellos, que deben estar apoiados polas deputacións provinciais, pois estas entidades teñen o deber legal de apoiar aos municipios. Comprometeu, en todo caso, a colaboración da Xunta de Galicia coas administracións locais nesta materia, unha axuda xa demostrada a través das máis de 300 obras de abastecemento realizadas na última década en beneficio de 186 concellos.
Ademais, tras convocar as primeiras axudas para que os municipios elaboren os seus plans de emerxencia fronte á seca, o vindeiro ano crearanse as destinadas á instalación de contadores de caudal que permitan identificar as perdas. E a Xunta dará prioridade ao apoio a aqueles municipios que aposten pola responsabilidade na xestión da auga e pola planificación das actuacións en caso de seca ou risco sanitario.