A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, emprazou este martes ás entidades locais e á sociedade galega en xeral a camiñar da man da Xunta para cumprir cos principais retos fixados por Europa e a normativa estatal co fin de optimizar o tratamento dos residuos sólidos urbanos. Durante a inauguración da xornada Pensa en circular. Xestión de biorresiduos, dirixida a persoal de entidades locais, técnicos e xestores de lixo, Vázquez Mejuto referiuse á necesidade de seguir dando pasos para achegarse ao obxectivo fixado pola Comisión Europea para que o próximo ano se reciclen o 50% dos residuos domésticos.
Para aproximarse a esa meta e pese a que a competencia sobre a xestión das distintas fraccións de lixo de orixe doméstica e comercial recae sobre as entidades municipais, a conselleira explicou que o seu departamento ten en marcha un paquete de actuacións e medidas para apoiar aos concellos nesta materia. Así, para 2019 a Xunta ten reservado un orzamento de case seis millóns para actuacións destinadas a mellorar a xestión dos residuos sólidos urbanos.