A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, mantivo un encontro con representantes das catro federacións maioritarias de transporte de pasaxeiros: Fegabus, Transgacar, Fegatravi e Anetra. Na xuntanza, a conselleira deu conta de que a Xunta prevé facer efectiva a finais deste mes esta nova iniciativa de apoio ao sector do transporte público, ao constatar que as concesións rexistraron, de media, unha caída da demanda que supera o 60%.
Esta medida súmase ás postas en marcha o pasado ano, en que o Goberno galego anticipou 28 millóns de euros ás empresas concesionarias para garantirlles liquidez mentres non se materializaba o fondo de compensación anunciado polo Executivo central.
Na reunión, informou aos transportistas de que nos recentes encontros mantidos co Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, a Xunta reclamou que o fondo de compensación estatal ao transporte público tivese continuidade neste ano 2021, pois tamén se están a rexistrar datos de demanda moi preocupantes.