O obxectivo será dar resposta a todas as esixencias dunha administración integramente dixital. Telefónica vén de gañar o primeiro lote do contrato da súa rede corporativa de telecomunicacións, que inclúe todas as liñas de comunicacións dos centros, o acceso a internet e a telefonía fixa por importe de 33 M€, con máis de 5,1 M€ de rebaixa sobre o importe de licitación. Desta forma, nas próximas semanas tamén se decidirá a adxudicación do segundo lote correspondente á telefonía móbil.
Isto supón un fito histórico na mellora de conectividade da rede corporativa, xa que o 100% dos centros disporán de fibra óptica con velocidades simétricas, de forma que contarán coas mellores tecnoloxías de conectividade existentes ata a data, tanto en canto á velocidade, como en fiabilidade e rendemento. Isto implicará que o operador faga unha enorme inversión en Galicia, achegando a tecnoloxía FTTH (fibra ata o fogar) a moitas poboacións onde era inviable contratar este tipo de servizos.
En telefonía fixa renovaranse todas as centrais de telefonía da rede corporativa cunha capacidade de 120 chamadas por segundo, e que implicará unha renovación moi importante dos terminais telefónicos, pasando a contar co 100% das liñas con tecnoloxía IP.
Tamén cómpre destacar as prestacións do sistema de videoconferencias ofertado (para 58.500 usuarios), que permite organizar reunións de forma segura de ata 1.000 participantes e organizar seminarios web de ata 3.000 participantes, para todos os usuarios dos ámbitos educativo, corporativo e xustiza. Ademais, é compatible cos sistemas operativos de PC, tablets, smartphones, e tamén coa posibilidade de usar con equipos de videoconferencia de sala.
Inclúese a dotación dunha plataforma de streaming avanzado que posibilita a retransmisión de vídeos en directo, que é necesaria para accións de comunicación en liña.
Adicionalmente, a Xunta terá a posibilidade de contratar conectividade móbil a unha tarifa especial de 500 Gbps ao mes por tan só 12,71 €/mes, co obxecto de poder facilitar a conexión a alumnos de familias en situación de vulnerabilidade.