A Xunta convoca bolsas de ata 2.500 € para universitarios que queiran estudar fóra da UE

1 minutes read

A Xunta de Galicia apoiará o vindeiro curso escolar 26/27 a estudantes das universidades galegas que queira estudar fóra da Unión Europea. O alumnado que participe en programas de mobilidade en calquera país extracomunitario pode solicitar ata o 3 de agosto as bolsas do Goberno galego para esta finalidade e recibir contías que van dos 1.700€ aos 2.500€ en función do destino. 

O obxectivo desta liña de axudas da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, que conta cun orzamento total de 310.000€, é favorecer a participación da mocidade galega en programas de mobilidade en universidades estranxeiras que lles permitan mellorar o seu nivel de idiomas e propiciar o seu enriquecemento cultural. A natureza destas experiencias permítelle ao alumnado integrarse nunha comunidade estranxeira e desenvolver os seus coñecementos académicos, profesionais e persoais. 

As bolsas son 1.700€ para intercambios realizados en Europa (en países que non forman parte da UE) e de 2.500€ para o resto do mundo. Para solicitalas, o estudante deberá estar matriculado no curso 26/27 en calquera grao das tres universidades públicas galegas. 

Esta convocatoria forma parte do amplo abano de iniciativas que o Goberno galego ten en marcha a través do programa Galemundo, dotado con 18 M€ para a mellora da aprendizaxe de idiomas entre a comunidade escolar e do que se benefician máis de 8.300 persoas entre estudantes e docentes este curso.