Serán 31 prazas de emprego público reservadas para persoas con discapacidade intelectual. En concreto, 27 prazas na especialidade de limpeza e cociña e catro na de persoal de servizos xerais (PSX).
O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos presidiu o Consello Asesor para a integración da discapacidade na Función Pública galega do que forman parte representantes da Administración, das organizacións sindicais e de colectivos da discapacidade.
A finalidade deste Consello Asesor é a de estudar e promover as iniciativas que se desenvolven para acadar unha inserción laboral efectiva das persoas con discapacidade na Administración Pública de Galicia.
A inserción laboral de persoas con discapacidade constitúe unha vía fundamental para alcanzar unha plena integración social, polo que é necesario adoptar as medidas necesarias para incrementar o emprego destas persoas, aumentar as súas posibilidades de traballo e impedir calquera forma de discriminación.