O informe ambiental estratéxico emitido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, que sairá publicado proximamente no Diario Oficial de Galicia, establece que non son previsibles efectos adversos significativos derivados do proxecto. Non obstante, inclúe condicionantes en distintos aspectos como a protección do patrimonio natural, a xestión dos recursos hídricos -o abastecemento, saneamento e xestión das augas pluviais- e as limitacións de uso derivadas do ruído existente.
Neste sentido, o informe foi elaborado no marco do procedemento de avaliación ambiental estratéxica simplificada desta iniciativa, un trámite no que a documentación presentada polo promotor foi sometida a consulta de media decena de organismos públicos interesados e tanto o borrador de Peose como o documento ambiental estratéxico estiveron publicados no portal web da Consellería para que o público en xeral puidese consultalos e facer as observacións ou suxestións oportunas.
Unha vez emitido o informe ambiental estratéxico, remítese ao promotor -Xestur- e ao órgano substantivo, que é a Consellería de Economía e Industria, xunto cos informes recibidos na fase de consultas previas e, posteriormente, farase público mediante publicación tanto no DOG como na páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.
Cómpre lembrar que o obxectivo do Peose é planificar e ordenar as actuacións urbanísticas necesarias para o desenvolvemento do polígono industrial de Cabana de Bergantiños, un desenvolvemento previsto no Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais de Galicia (Psoaeg).
O ámbito de actuación do Peose é un espazo de preto de 27 hectáreas de extensión que se localizan no ámbito delimitado ao norte e oeste por un regato innominado, ao leste polo rego de San Loto e ao suroeste pola autovía da Costa da Morte (AG-55).
O proxecto prevé dous espazos de ordenación da actividade industrial, a rede viaria básica para artellar as comunicacións internas e externas -que incluirá un carril bici-, unha área de aparcadoiro, unha zona verde e unha parcela de servizos para a construción dunha estación depuradora de augas residuais (EDAR).