A Xunta de Galicia acaba de dar autorización ambiental condicionada ao proxecto para implantar un campamento de turismo, composto por seis cabanas e servizos complementarios, na parroquia de Moraime, no concello de Muxía, concretamente, nunha parcela cunha superficie total de máis de 16.400 m2.
Segundo se conclúe no informe de impacto ambiental (IIA) emitido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático —cuxa resolución foi anunciada este martes a través do Diario Oficial de Galicia (DOG)— non son previsibles efectos adversos significativos sobre a contorna derivados deste proxecto, sempre e cando se cumpra cos condicionantes fixados tanto no documento ambiental e na restante documentación analizada, como na propia resolución da Xunta.
Neste sentido, o informe foi elaborado no marco do procedemento de avaliación de impacto ambiental simplificada desta iniciativa empresarial, un trámite no que a documentación presentada polo promotor foi sometida a participación pública, sen que se recibise ningún escrito ou alegación ao respecto, ao tempo que se someteu a consultas por parte dun total de oito organismos interesados.
Froito desas consultas, foron establecidos algúns condicionantes que se recollen na resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade. O informe de impacto ambiental marca tamén o contido que deberá ter o programa de vixilancia e seguimento ambiental, que terá que elaborar o promotor do proxecto.
Así, esas avaliacións consideran que o proxecto non vai ter impactos significativos nos distintos eidos analizados e que sería viable a súa posta en marcha cumprindo certos requisitos establecidos nos seus respectivos informes con relación a aspectos tales como a protección da atmosfera, poboación e saúde, das augas e leitos fluviais, do solo e as infraestruturas, da xestión de residuos, da integración paisaxística e restauración, así como do patrimonio natural e cultural.
Unha vez emitido o IIA, que non exime ao promotor da obriga de obter todas as autorizacións, licenzas, permisos ou informes que resulten legalmente exixibles para poder desenvolver o proxecto, a Consellería procedeu hoxe a darlle publicidade ao seu contido a través do correspondente anuncio publicado no Diario Oficial de Galicia e da súa posta á disposición a través da páxina web da Consellería. Ademais, remitirase ao órgano substantivo, que neste caso é a Axencia Turismo de Galicia.
Características do proxecto
O obxecto do proxecto é a implantación dun campamento de turismo de 1 estrela sobre solo rústico de protección forestal e paisaxístico composto por seis cabanas de madeira e servizos complementarios, nunha parcela en Muxía, dunha superficie de 16.437 m2. , sendo a superficie utilizada para a construción das infraestruturas de 5.400 m2 .
As instalacións, promovidas por Cabañas de Muxía SL., localizarase no lugar de Lourido, na parroquia de Moraime, pertencente ao devandito concello coruñés. As actuacións proxectadas prevén cinco cabanas de madeira tipo bungalows destinadas a aloxamento e unha para recepción, asentadas sobre zapatas cadradas de formigón armado baixo piares de madeira que soportan a edificación.
Para a instalación das mesmas, procederase a un desmonte previo da parcela, que será mínimo e axustado na medida do posible ao estado natural do terreo, para accesos, aparcamentos, peche perimetral, iluminación exterior e plantación de frondosas. Como complemento á construción, disporase dun conxunto de servizos externos, entre eles, abastecemento de auga mediante pozo de captación e depósito de acumulación, subministración eléctrica e servizo de telefonía e telecomunicacións.