A Xunta destaca o potencial de futuro do sector conserveiro galego

1 minutes read

Durante o acto de entrega das medallas Anfaco-Cecopesca 2019, Feijóo aseverou que as cifras desta asociación acreditan o excelente traballo feito nestes últimos anos, aglutinando as 252 empresas do complexo mar-industria en España, con 10.400 millóns de euros de facturación e que dan emprego a 26.000 traballadores no país, 12.400 en Galicia. Así mesmo, destacou a aposta do sector pola internacionalización, reflectido tamén nesta asociación, onde case o 50% dos produtos das empresas de Anfaco-Cecopesca destínanse á exportación, estando presentes en máis de 140 países dos 5 continentes. O presidente da Xunta referiuse a Anfaco-Cecopesca como unha peza fundamental para que o sector siga avanzando, proxectando a marca Galicia ao exterior e afrontando os novos retos a través da aposta polos produtos de alto valor engadido, a innovación e o reforzo da promoción.

Feijóo concluíu a súa intervención destacando aos premiados: María Luisa Lojo, Xullo Carril, Margarita Soñora e Carmen Ferreiro, pola súa traxectoria e experiencia, despois de 45 anos ao servizo da industria conserveira galega en distintas empresas. “Parabén por tantos anos de traballo e determinación e grazas pola vosa achega a Galicia” dixo, referíndose tamén aos galardoados Fernando González Laxe, ex-presidente da Xunta, Corina Porro, presidenta do Consello Económico e Social, e ao Senado.