A conselleira do Mar, Rosa Quintana, puxo de relevo a aposta do Goberno galego pola formación marítimo-pesqueira coa finalidade de acadar a remuda xeracional no sector, unha aposta que se materializa, segundo explicou, en diferentes eidos como o orzamentario. Neste sentido, sinalou que este ano as contías asignadas a formación no orzamento da Consellería do Mar medraron máis dun 4% con 9,7 millóns de euros, o que supón a maior cifra da última década.
Outro dos aspectos desta aposta que expuxo a titular de Mar é o da defensa que realiza Galicia ante a Unión Europea de medidas que fagan atractiva a actividade como a mellora da habitabilidade dos buques; unha cuestión explicou, que a comunidade autónoma galega solicita que se teña en conta no futuro Fondo Europeo Marítimo e de Pesca.
Neste cometido de acadar a aprendizaxe axeitada, engadiu a conselleira, tamén é necesario dotar aos centros de profesionais cualificados e dos equipamentos necesarios para obter unha formación competitiva e seguir sumando novos titulados. En canto ás matrículas na formación regrada (ciclos formativos) dos centros dependentes da Consellería do Mar, salientou que a media anual de persoas matriculadas medrou nun 60% nesta década en relación ao período 2005-2009.