A Xunta destina máis de 520.000 euros á mellora da eficiencia enerxética do edificio xudicial de Carballo

1 minutes read

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publicaba este luns a licitación das obras de optimización enerxética no edificio xudicial de Carballo para reducir o consumo eléctrico asociado ao uso das instalacións por un importe superior a 520.000 euros.

A intervención, que será cofinanciada con Fondos Feder, está prevista que se inicie en decembro, cun prazo de execución de catro meses. As empresas interesadas en optar ao contrato terán 26 días naturais de prazo, polo que rematará o vindeiro 1 de setembro ás 14,00 horas. Para a adxudicación aplicarase o procedemento aberto, con pluralidade de criterios de adxudicación, por ser o mellor garante os principios de igualdade e transparencia.

As obras enmárcanse no conxunto de proxectos de eficiencia enerxética previstos en case unha decena de instalacións xudiciais de toda Galicia por importe de 5,6 millóns de euros. En concreto, o Goberno galego prevé levar a cabo obras, ademais de en Carballo, nos xulgados da Coruña, Lugo, Ferrol, O Carballiño, Viveiro, Monforte de Lemos, Vilalba, Caldas de Reis, O Porriño e Corcubión.

Esta mellora da eficiencia enerxética é unha das principais prioridades do programa Galicia Feder 2021-2027, que alenta o sector público a servir como exemplo para diminuír o consumo de enerxía na loita contra o cambio climático.