- O presidente da Xunta avanzou tamén un investimento de máis de 4 millóns de euros para a adquisición de 740.000 doses da vacina antigripal
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou a autorización dunha achega de máis de 9 millóns de euros para a adquisición de novo material e subministración de servizos para combater o COVID-19. “O obxectivo é garantir a seguridade dos profesionais e doentes dos centros sanitarios galegos”, aseverou.
No tocante ao primeiro expediente, Feijóo subliñou un investimento de máis de 6 millóns de euros para diverso material, entre o que destacou: 4.300.000 máscaras cirúrxicas, 1.000.000 de batas protectoras dun só uso, máis de 548.000 máscaras respiratorias FPP2, batas impermeables de alta protección, luvas, solucións desinfectantes e kits de detección rápida de virus.
Nesta mesma liña, destacou a autorización das compras realizadas durante o estado de alarma por parte das distintas áreas sanitarias. Deste xeito, referiuse á achega por valor de máis de 1,3 millóns de euros á Área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras e 1,2 millóns de euros para a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés.
Por último o Consello da Xunta autorizou tamén a compra de materiais de electromedicina na Área sanitaria da Coruña e Cee. Unha achega de máis de 240.000 euros para a ampliación da unidade de críticos e para dotar de mellor tecnoloxía o servizo de urxencias, entre outras cousas.
Máis de 4 millóns de euros para adquirir 740.000 doses de vacina antigripal
Como último asunto en materia sanitaria, o responsable do Goberno galego anunciou que a Xunta destinará máis de 4 millóns de euros para adquirir 740.000 doses da vacina antigripal, o que supón 125.000 doses máis que as adquiridas o pasado ano (un 20% de incremento).
Na campaña de vacinación antigripal 2019/2020, o número total de doses de vacinas administradas á poboación galega ascendeu a 605.532, o que supón 38.124 doses máis que na campaña anterior.