- Feijóo avanzou un plan con preto de 50 medidas para fomentar o emprego, xerar liquidez e reactivar o consumo
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou este xoves na rolda de prensa do Consello a posta en marcha do Plan de reactivación da cultura e o turismo (que supoñen o 13% do PIB e o 14% do total do emprego na Comunidade Autónoma) cun investimento de 27 millóns de euros e preto de 50 medidas específicas para fomentar o emprego, xerar liquidez e reactivar o consumo.
Ao longo da súa intervención, o titular da Xunta subliñou que para actuar cun plan de choque rápido e directo, estableceranse 9 bloques de execución que suporán, á súa vez, un investimento de 11 millóns na actividade turística; e de 10,6 millóns no sector cultural, reforzados, así mesmo, con 5,1 millóns de euros a través de medidas transversais enmarcadas no Xacobeo 2021.
Os 4 eixos clave do plan no eido turístico serán a reactivación da demanda e accións de promoción, a creación de novos produtos turísticos, o apoio ao tecido empresarial e mantemento do emprego, así como a formación, competitividade e innovación.
O presidente da Xunta sinalou que o obxectivo é presentar Galicia como un destino seguro. Deste xeito, apoiaranse medidas hixiénico-sanitarias para os establecementos turísticos; reformularase a estratexia de promoción de destino adaptada a este novo contexto sanitario; promoverase un programa de consultoría e asesoramento para as empresas turísticas, así como un programa de “Queda en Galicia” para o turismo interno.